A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra estes días en IFEMA (Madrid) foi o lugar escollido polo Concello de Camariñas para presentar a XXX edición da Mostra do Encaixe, que se celebrará do 8 ao 12 de abril e que aspira a romper estereotipos desde o primeiro momento. A edición que significará as tres décadas de vida deste evento non será unha máis xa que a organización decidiu rachar coa típica imaxe que se ten do encaixe, un arte milenario asociado erroneamente ás prendas femininas, e empregou un modelo masculino como imaxe do cartel e o spot oficial para este ano.