O arranque da segunda xornada da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas non decepcionou a ninguén. Despois de que as gaitas de Vaiche Boa e o son das palilleiras amenizasen a apertura de portas, chegou a quenda para os desfiles do ‘Pequeencaixe’, as ‘Encaixeiras Sénior’ e o estilista internacional, Carlos Bardullas. Despois da súa estrea de onte, as 50 nenas e nenos das Escolas Municipais volveron á pasarela da Mostra para amosar o encaixe que crearon durante todo o curso e que aplicaron posteriormente aos vestidos cos que desfilaron.