• Aprobación das axudas SAF no Concello de Camariñas

    Na xunta de goberno local do Concello de Camariñas realizada este venres pasado, día 12 de Novembro, aprobouse o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal.

    Este servizo ten como obxectivo atender a persoas ou unidades de convivencia no seu propio domicilio. Deste xeito, busca mellorar a calidade de vida dos usuarios, posibilitando a permanencia destes na súa contorna de convivencia habitual, favorecendo e potenciando a autonomía persoal no propio domicilio e previndo situacións de dependencia ou exclusión social entre outras cousas.

    Para lograr isto os servizos que se ofertarán serán os seguintes: axuda para levantarse e deitarse, coidado e hixiene persoal, apoio para cambios posturais, control do réxime alimentario, acompañamento fóra do fogar, compra de alimentos e produtos de uso común, limpeza e mantemento da hixiene na vivenda, preparación de alimentos... e outras de carácter complementario como a adaptación funcional do fogar, servizos de podoloxía, fisioterápia...

    O presuposto destinado ao SAF municipal é de 432.439,90 euros e terá unha duración mínima de un ano prorrogable a tres anualidades. O proxecto cubrirá un total de 23.380 horas distribuídas do seguinte xeito: para a axuda no domicilio ás persoas que accedan tendo unha recoñecida situación de dependencia prevense 19.900 horas ordinarias e 1.650 horas extraordinarias e, no caso de acceder por libre concorrencia, inclúe unha previsión de 1.650 horas ordinarias e 180 horas extraordinarias.

    Pola banda da empresa adxudicataria terá a obrigación de dirixir e coordinar ao persoal de atención directa, manter a coordinación cos servizos sociais municipais, supervisión das prestacións básicas e complementarias así como a presentación de unha avaliación xeral ao final do servizo con propostas de mellora.