1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Nos últimos días a Consellería de Sanidade notificou ao Concello de Camariñas que a praia de Camelle acadou a cualificación de “Boa” nos últimos controis efectuados. Estes realizáronse durante a tempada de baño do ano 2020 e veñen a ratificar a efectividade das medidas que esta a levar o goberno para reverter os malos resultados dos últimos exercicios que cualificaban a auga desta praia como “non apta para o baño”.

A medida máis importante ao respecto realizouse no 2019 durante o transcurso dos traballos de renovación da rúa Nova e Porto. Neles atopouse que algúns dos sumidoiros dalgunha vivenda da zona estaban a verter na recollida de augas pluviais, rematando no mar e influíndo na mala calidade das augas. Ao reverter esta situación, adecuando a rede de saneamento, o goberno local solicitou a Xunta de Galicia que volvese incluír a Camelle no censo e así dispor dos controis oficiais que perdera debido aos malos resultados que obtivera nos anteriores exercicios. Deste xeito, no vindeiro verán desaparecerá o cartel de “auga non apta para o baño” neste areal.

 “É unha boa nova que os resultados dos controis da Xunta coincidan cos datos que arroxaban as analíticas que realizamos”, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, que tamén engadiu que “o resto das praias, agás Area da Vila, recibiron a clasificación de Excelente”.

Area da Vila

Pola contra, a Area da Vila non acadou esa cualificación necesaria para retirar o cartel de “Auga non apta para o baño” que continuara a estar presente no areal camariñán no vindeiro verán. O goberno local está a traballar para reincorporar esta praia do municipio ao censo do mesmo xeito que aconteceu coa de Camelle. Polo de agora xa se levaron a cabo dúas melloras no saneamento para solucionar os vertidos que se estaban a producir e, deste xeito, mellorar a calidade da súa auga.

 “De todos modos, temos que seguir traballando, e polo momento este verán si que teremos que colocar o cartel de ‘Auga non apta para o baño’ na Area da Vila”, comentou Sergio Caamaño, que aproveitou para indicar que “a nosa aposta por ter uns areais de calidade é clara e, nese sentido, vimos de efectuar durante a Semana Santa a limpeza de todas as praias do municipio para telas nun estado óptimo de cara ao verán”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.