- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Camelle e Arou Camelle e Arou
- Created: 20 Marzo 2018 20 Marzo 2018
Comprometidos por continuar difundindo os valores que defendía Manfred Gnädinger, con esta exposición adicada ás Áreas Mariñas Protexidas que está prevista para o 22 de marzo de 2018, a dirección do Museo Man de Camelle quere achegar o incuestionable patrimonio, tanto natural como cultural, que atesouran as áreas mariñas que temos o deber e a responsabilidade de cuidar.
Durante séculos os seres humanos vimos servíndonos sen miramentos dos recursos que o mar nos ofrece, tanto extraendo alimentos e materiais, como aproveitándonos do seu "ilimitado" poder de asimilación de residuos (vertidos, mareas negras, productos químicos, etc.). Ao principio, a degradación das augas foi lenta e silenciosa. Hoxe alcanzou unha magnitude alarmante.
Nos últimos anos unha gran variedade de acordos a escala internacional veñen recoñecendo a necesidade de protexer os ecosistemas mariños. Na actualidade as Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) son unha das principais ferramentas de xestión das pesqueiras, ao que se engade a súa importancia na conservación da biodiversidade.
Obxectivos:
- Sensibilizar á poboación en xeral arredor da importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso espiritual, cultural e económico.
- Dar a coñecer a figura das Áreas Mariñas Protexidas como eficaz estratexia de conservación do mar e o litoral.
- Sinalar o papel que cada un de nós, cidadáns de todas as idades, pode xogar á hora de inclinar a balanza cara á conservación, ou non, do mar.
Actividades: Fichas con contidos e actividades educativas para traballar o tema con rapazas e rapaces de entre 6 e 15 anos.
Reserva o teu día e hora: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. – Telf. 665 133 864
