- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Camelle e Arou Camelle e Arou
- Created: 13 Febreiro 2014 13 Febreiro 2014
A derradeira sorpresa da vaga de temporais que están a caracterizar o curso invernal 2013-2014 acontecía na tarde deste mércores 12 de febreiro en Arou cando unha foca aparecía na súa Praia de Lobeiras. Onte era avistada polos veciños e na mañán deste xoves xa algúns deles xa entablaban contacto ca mesma. Atoparon a un exemplar pequeno e ferido, polo que é necesario o inmediato desprazamento ata o lugar de especialistas do CEMMA, a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños, a ONG que dende 1999 leva acudindo a socorrer o varamento na costa galega de mamíferos e tartarugas mariñas. O primeiro en dar noticia deste sorprendente descubremento era o camellán Ignacio Lobelos na súa conta do facebook. Con todo, non deixa este sorpresivo varamento de suscitar algunha que outra analoxía ca toponimia do lugar do seu varamento, a Praia de Lobeiras, quen sabe se en tempos remotos lugar de descanso ou tránsito de lobos mariños. Tal vez a resposta sexa outra e haia que buscala na remota Siberia, ao carón mesmo da cidade de Irkutsk, non lonxe da fronteira de Mongolia, no Lago Baikal, famoso pola profundidade e pureza prístina das súas augas así como por albergar unha das familias máis populosas de focas, a nerpa ou pusa sibírica, máis coñecida como "Foca do Baikal". Quen sabe si este animaliño ferido no curso dun dos temporais recentes de mar se achegou polas nosas costas buscando unhas augas puras, limpas, prístinas como as que bañan a Praia de Lobeiras para repousar un corpo dolorido e coller forzas cas que reemprender unha viaxe interrumpida.

Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.