1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Os Concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo uníronse fai meses para a realización do programa “Construíndo Futuro” un curso teórico práctico que busca axudar a rapaces e rapazas a iniciarse no mundo laboral.

Deste xeito, o curso ten dúas especialidades: “conservación e mellora de montes” e “pavimentos e albanelería de urbanización” que tras recibir unha instrución teórica están a realizar diversos traballos relacionados co seu ámbito en distintos puntos dos tres concellos participantes.

Até o de agora os integrantes da especialidade de “montes” realizoron a limpeza exhaustiva do monte da Covadiña en Camariñas, así como traballos varios na Grixoa, Padreiro e Castrelo (Vimianzo). Agora os 10 participantes van empezar coas tarefas en lugares como o parque de Quintáns (Muxía).

Pola banda dos integrantes da especialidade en albanelería os traballos que realizaron son a demolición e reconstrución dos baños da escola de Carnés e a rehabilitación da escola de Subeiro (ambas en Vimianzo) nas cales puxeron en práctica actividades técnicas como a colocación de pladur con illamento de la de roca, demolición de paredes incluíndo desescombro e limpeza, lavado a presión de muros exteriores e posterior tratamento antihumidade, enfoscado de tabiques, aplicación de pinturas antimofo, alicatado con azulexos... O seguinte traballo será o acondicionamento da praza Insuela de Camariñas.

Este proxecto rematará o vindeiro 28 de Xullo e lévase a cabo grazas a unha subvención por valor de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.

 

VIM_GRX_1_opt.jpg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.