1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

“A vida cambiou moitísimo nos últimos anos”. Quen non escoitou esta frase algunha vez na súa vida? Normalmente tende a vir de alguén maior a un mesmo, ou un dilla a alguén máis novo. Case chega a punto de establecerse como un tópico deses que perden un pouco o seu significado. Mais, se somos sinceros, nos últimos tempos si podemos asegurar sen temor a dubidas que as cousas cambiaron moito e moi rápido. E é que as tecnoloxías impactaron nas nosas vidas e transformáronas por completo case sen darnos conta. Un exemplo é o modo no que chegastes a este texto. De seguro que estabas a fedellar en Facebook pasando o cacho e decidistes ver que che podiamos contar dende o camarinas.eu. Non? Pois a noticia de hoxe ten moito que ver con isto.

Internet cambiouno todo, dende o modo no que nos comunicamos até o mero feito de ir comprar. Así é, a día de hoxe non necesitamos nin sequera levantarnos do sofá para adquirir o libro que andabamos a buscar, ese estante que precisamos ou mesmo o máis imprescindible como é a comida. Deste xeito nace no novo proxecto do Concello de Camariñas, o proxecto MerCamariñas.

MerCamariñas é unha central de venta online para os establecementos do municipio que nace co obxectivo de axudarlles a adaptarse ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet.  Trátase de unha campaña completamente gratuíta na que os negocios participantes contarán cun espazo propio para a súa tenda dentro da web. Nela poderán xestionar e vender os seus produtos coa garantía do soporte técnico da empresa local WP Nordés. Deste xeito, os comerciantes so se terán que encargar dos produtos que deciden poñer a venta e de promocionar o seu espazo virtual nas redes sociais.

Para poder levar a cabo estas tarefas o Concello de Camariñas proporcionará unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Esta virá dada a través de sesións prácticas nas que se tratarán temas como: a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesorará na creación e xestión das redes sociais do negocio.

En canto a situación sanitaria o permita, o goberno local organizará unha reunión a que se convocará todo o tecido comercial do Concello para explicarlles en detalle e en persoa o proxecto por completo e así coñecer a aqueles que estarían interesados en formar parte.

O desenrolo do proxecto será por quendas. Na primeira delas seleccionaranse dez comercios participantes por sorteo. Estes dez primeiros aprenderán a xestionar e promocionar a súa tenda online no dominio web xa operativo www.mercamarinas.com nun prazo de cinco días. As quendas continuarán até esgotar o número de participantes.

A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, explicou que a idea de sacar adiante esta iniciativa xorde ante “a terrible competencia que ten o comercio de proximidade por parte das grandes superficies e cremos que esta é unha forma de axudalos a paliar esa desvantaxe existente na venda online”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “este proxecto ten o obxectivo claro de virtualizar, no mínimo espazo de tempo posible e cunha optimización máxima da plataforma, a todos eses comercios locais que están sufrindo unha grave crise de vendas”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.