1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Seguimos coas tráxicas noticias que aflixen a toda a vila das palilleiras. Outro dos veciños máis carismáticos e senlleiros de toda Camariñas deixaba este mundo aos 87 anos no hospital da Coruña onde estaba ingresado por mor dunha dolencia. Estamos a falar de Don Ramón Canosa Arjomil, máis coñecido en toda a vila por ser o lexendario zapateiro que tiña o seu mítico taller no barrio de Corea. Falecía don Ramón este xoves preto das 12 da noite e collía por sorpresa a todo un pobo que se despertaba na mañán deste venres 4 de maio co corazón aflixido ao coñecerse a triste noticia do seu falecemento, e é que non era para menos, pois hai poucos días que víamos ao noso amigo dando as súas rutinarias camiñatas polo paseo marítimo de Camariñas. O corpo sen vida de Don Ramón "O Zapateiro" está sendo velado no Tanatorio Muncipal Irmáns Espín de Camariñas, dende onde sairá cara a Igrexa Parroquial de San Xurxo ás 16:15 da tarde deste sábado 5 de maio de 2018. Xa no sagrado templo camariñán será celebrado o funeral de corpo presente de Don Ramón para, acto seguido, ser realizado o seu sepelio no Cemiterio Veciñal de Camariñas onde os restos mortais deste querido veciño de Camariñas de toda a vida terán merecido descanso eterno. Vaia dende esta redacción toda a forza e ánimos a toda a familia e amigos de Don Ramón Canosa Arjomil "O Zapateiro", Descanse en Paz.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.