1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O próximo sábado 02 de maio a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas  promove unha xornada de convivencia aberta de autores dos diferentes ámbitos das artes plásticas, a danza, o teatro e a literatura, que terá como marco o Faro de Cabo Vilán e os seus arredores.

No Faro de Cabo Vilán hai un museo, unha sala de exposicións, punto de información turística, tenda de recordos e cafetería. Este espazo máxico que rodea o Faro de Cabo Vilán  pretende converterse en ágora alternativa de creación para artistas e escritores que dende as doce da mañá ata as seis da tarde reivindicarán coa súa presenza, e nestes momentos tan difíciles para a cultura, o seu compromiso coa mesma.

Os autores que desexen participar poderán facelo, creando in situ, debuxando, pintando, escribindo… no espazo que rodea o Faro nunha interacción directa co mar, as rochas e a maxia dun espazo indescriptible e suxerente ao aire libre nunha harmónica relación coa cor e a luz da natureza.

Este encontro de carácter lúdico está previsto que se inicie cunha recepción por parte dos responsables da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas o sábado 02 de maio ás 12:00h. Sobre ás 17:00h poremos en común as nosas actividades no patio interior do Faro ou na sala de exposicións se fixera mal día.

Desta xornada darase conta aos medios, nunha convocatoria coa que se desexa patentizar dalgún modo o voluntarioso esforzo conxunto de artistas e institucións, neste caso no Faro Vilán  como fai dous anos se fixera no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, que en tempos tan pouco prometedores, reúnen esforzos coa intención de achegar o seu gran de area na rexeneración do tecido cultural deste país.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.