- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Camariñas e Buría Camariñas e Buría
- Created: 09 Xuño 2013 09 Xuño 2013

Vaise outro home de mar dos de toda a vida, deses que contribuiron a esculpir a base de salitre o carácter único de Camariñas. Eran as sete e media da mañán deste domingo 9 de xuño de 2013 cando no Hospital antigamente coñecido como Juan Canalejo, na cidade da Coruña, falecía o noso gran amigo Manuel González Pérez, coñecido popularmente na Vila dos Encaixes dende que un ten uso de razón como "O Rancho". Facíao aos 63 anos acompañado da súa familia e a causa de complicacións graves de última hora na enfermidade que viña sufrindo nestes últimos tempos. Despois de toda unha vida faenando en distintas embarcacións do porto camariñán, duns anos a esta parte estaba O Rancho xubilado polo mar e así podíamos velo habitualmente ca súa esposa Maruja e algún dos seus catro netos, polos que literalmente toleaba, paseando en domingos e días festivos polo Paseo Marítimo camariñán, nunca lonxe dese mar ao que adicou toda a súa existencia e no que o podíamos ver e departir amigablemente con el non hai moito. Vaise polo tanto para gran desgracia de Camariñas outro dos seus lobos de mar. Actualmente os seus restos mortais están sendo velados na casa familiar da Rúa do Castillo dende a que este luns 10 de xuño ás 17:00 sairá a comitiva fúnebre cara a Igrexa Parroquial de San Xurxo. Vaia dende esta redacción o noso máis sinceiro pésame a súa esposa e fillos, María e Jose "O Rancho Jr", gran amigo e colaborador dende sempre desta redacción. Don Manuel González Pérez "O Rancho" Descanse En Paz e que Deus che teña na súa Gloria.


Comentarios
Antonio Puertas
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.