Na pasada fin de semana presentouse no Concello de Camariñas a iniciativa “Explora 10” que busca a estruturación, organización e potenciación do turismo deportivo na Costa da Morte a través de actividades que xa se comezaron a desenvolver.

O recentemente presentado “Camariñas Explora” foi a semente deste novo proxecto de maior envergadura e que “fai especial fincapé na unión dos 10 concello que participan para unha maior potenciación turística e deportiva da nosa bisbarra, imitando outros proxectos como é o caso do programa de carreiras Correndo pola Costa da Morte”, explica o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa.

Os Concellos que participan nesta iniciativa conxunta son os de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas xunto coa asociación AGADER cuxa directora xeral, Inés Santé, se comprometeu a aportar “respaldo económico para esta iniciativa que aproveita os recursos do territorio para a súa dinamización”.

Explora 10

Está previsto que o proxecto ‘Explora 10’ se desenvolva en diferentes fases, con obxectivos a curto e a medio ou longo prazo. Para este ano 2021 preténdese o seguinte:

  • A creación dunha rede de sendeiros xa existentes ou de nova creación en cada un dos 10 concellos, buscando unha promoción do territorio uniforme e de conxunto.
  • O deseño dun gran sendeiro para bicicletas BTT da Costa da Morte, cunha conexión entre os 10 concellos implicados utilizando como base os programas elaborados xa por cada municipio.
  • A posta en valor da escalada, que na actualidade conta con zonas de prácticas xa fixadas en cada un dos concellos

Xa a medio e longo prazo, poñendo a mirada nos anos 2022 e 2023 a intención é:

  • Elaborar un circuíto de carreiras populares para promover a práctica da actividade físico-deportiva entre toda a poboación e promocionar turística e economicamente a Costa da Morte.

Dar visibilidade e promocionar as actividades acuáticas que xa se están a desenvolver nos ríos e no mar dos 10 municipios como vela lixeira, piragüismo, surf, kaiaks, travesías a nado ou paddle surf.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.