Xa pouco falta para a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas recuperando desta volta o seu calendario habitual de semana santa e como é lóxico nestas fechas xorden novas en torno ao evento coas confirmacións de deseñadores e últimos preparativos.

Así, aparece o primeiro nome do mundo da alta costura confirmado dentro do cartel desta mostra. Trátase da firma “Devota y Lomba”, a firma de Modesto Lomba, que volve a pasarela camariñá mediante o desfile de “Grandes deseñadores” tras non poder participar nela nas súas dúas últimas edicións, aínda que iso non significou que este deseñador non estivera presente no evento pois formou parte do xurado do “Deseñadores Noveis” no pasado 2019.

Segundo Modesto Lomba este é “un regreso natural” e engade que “para Devota y Lomba a vinculación coa artesanía é esencial para o noso proceso de traballo creativo e o encaixe aporta a sutileza e a finura do traballo das artesas, enriquece o resultado final de un vestido ou peza téxtil”. Tamén engade, con motivo da recuperación do calendario de semana santa, que está “desexoso de retornar a vida diaria e aos seus acontecementos, e facémolo incorporando unha peza máis ao noso vestiario: a mascara”

ArtEncaixe

Continuando coas confirmacións tamén se fai público a incorporación do “ArtEncaixe”, que xa aparecera na pasada XXX edición da Mostra do Encaixe, a esta edición cun total de 12 artesáns que chegarán a Camariñas durante a semana santa dende distintos puntos da Galiza para demostrar a versatilidade do encaixe e como este se pode adaptar a diferentes materiais e formas.

Unha das novidades é a participación da Olería de Buño, reafirmando a aposta da Mostra do Encaixe por promocionar e poñer en valor o patrimonio, a artesanía e o talento que hai na comarca. Olería Lista, Tendataller Feituras, Obradoiro Gorín e O Rulo serán os encargados de presentar as coleccións de olería e encaixe. Ademais, tralo gran espectáculo ofrecido na trixésima edición, a ONG Egueire integrarase neste desfile.

Completan o desfile de “ArtEncaixe”: Ana Freiría (ourivería e xoiería artística), Charo López Atelier (complementos de moda), Estilo Aramar (complementos de moda), Janet Schulz (tocados de noiva), Arteviares (artesanía en vidro), Mar Barral (laboratorio de ideas), Noelia Peña (xoiería de autor con deseños personalizados), Pilar Rodríguez ‘En Lá’ (artesanía en complementos téxtiles), Suso Calo (artesanía en prata e talla) e Xelis Luaces (encaixe experimental e aplicación).

 

Artencaixe_1.JPG

A Mostra en Asturias

O pasado sábado, 26 de Marzo, ao redor de 250 persoas asistiron ao desfile de moda para promocionar a XXXI Mostra do Encaixe celebrado no Palacio de Congresos de Calatrava, en Oviedo. Nel participaron deseñadores que estiveron presentes en edicións anteriores da Mostra como a asturiana Ana Cabranes e as súas pezas pret Porter e Cerimonia ou as 12 coleccións dos gañadores e finalistas do certame de “Deseñadores Noveis” os cales cederon as súas creacións para poder levar a cabo a pasarela: Rocío Molina e Alba Cobos coa súa colección “Enxebre”, Rebeca Mercado con “Déjame Encajar”, Candela Rodríguez e Alba Otero con “Carrera de Indias”, Joaquín Ruíz con “Suspiros flamencos”, Jaione Ventura con “Zeistmaschine”, Uxía Rodríguez con “Estímulos”, Eli Conde con “Victoria”, Iria Cameán con “Un paseo sereno”. Os e as modelos correron a cargo da Axencia de Modelos Rassim’s.

 

JMURIASFotografía_MOD.png

Fotografía de JMURIAS

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.