Continúan as accións de promoción da XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Despois da presentación na Feira Internacional de Turismo (Fitur) no mes pasado organizouse  unha pasarela de moda na cidade de Oviedo.

O acto tivo lugar o pasado sábado, 26 de marzo, ás 20 horas na Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava. A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, explicou que “con esta iniciativa, que nace grazas á colaboración coa Asociación de Galicia en Asturias, da man do seu presidente Manuel Fernández Quevedo, queremos continuar promocionando a Mostra e o turismo en Camariñas fóra das nosas fronteiras” e engadiu que “escollemos Oviedo porque queremos afianzarnos como capital da moda durante a Semana Santa e Asturias é un público potencial que pode achegarse neses días”.

O desfile estivo composto por dúas firmas como a da reputada deseñadora valenciana Dolores Cortés e a asturiana Ana Cabranes, habituais da Mostra do Encaixe. Ademais, completaron a pasarela 12 coleccións de gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores: Rocío Molina e Alba Cobos coa súa colección ‘Enxebre (2)’, Rebeca Mercado con ‘Déjame Encajar’, Candela Rodríguez e Alba Otero con ‘Carrera de Indias’, Josu Santos con ‘Tira y Afloja’, Joaquín Ruíz con ‘Suspiros flamencos’, Jaione Ventura con ‘Zeistmaschine’, Uxía Rodríguez con ‘Estímulos’, Eli Conde con ‘Victoria’, Judith Martín con ‘Matista’, Iria Cameán con ‘Un paseo sereno’, Sara Alonso con ‘Enxebre (1)’ e Beatriz Anido con ‘Sea Lung’. Os e as modelos correrán a cargo da Agencia de Modelos Rassim’s.

Ao remate do acto houbo unha actuación da recoñecida soprano asturiana Tina Gutiérrez, que cantou en galego. A ovetense ten unha ampla traxectoria sobre os escenarios, realizando innumerables concertos no Principado de Asturias, Madrid, Galicia, Sevilla, León e Valladolid.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.