Este martes 12 de Marzo iníciase a segunda fase do “Camariñas Composta” co reparto dos composteiros aos participantes deste proxecto. Esta acción realizarase catro puntos nas catro parroquias que compoñen o municipio. O primeiro deles será dende a casa de Pedra en Camariñas pola mañá (dende as 10 horas), o segundo esa mesma tarde na Casa da Cultura da Ponte do Porto (dende as 16 horas). Xa no martes 16 na Casa da Sociedade en Xaviña na quenda de mañá (dende as 10 horas) e por último no museo Man de Camelle ese mesmo día no horario de tarde (dende as 16 horas).

O “Camariñas Composta” é unha iniciativa lanzada dende o Concello e subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e polos fondos FEDER. O seu obxectivo é alcanzar as 200 familias e tamén ofrecer a posibilidade de que participen algún dos centros de ensino do municipio.

A través da compostaxe redúcese a cantidade de restos orgánicos que xorden da alimentación, céspedes, podas... podendo chegar a aforrar entre un 40 e un 50 por cento dos residuos sólidos urbanos, así como se evita o consumo enerxético derivado do seu transporte até as plantas de xestión e do seu tratamento nas mesmas. Isto implica unha acción real e directa na situación actual de loita contra o cambio climático, ao mesmo tempo que se mellora a calidade da terra na que se sementan plantas, árbores... xa que se trata de un fertilizante natural.

Segundo palabras de Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente: “a compostaxe realizada a nivel domiciliario é unha alternativa máis eficaz en municipios que contan cunha parte importante da súa poboación vivindo nun medio rural, como é o caso da gran parte da poboación do Concello de Camariñas; xa que, á marxe dos baixos custos de instalación e mantemento, e do aforro de enerxía, permite que sexa a propia cidadanía quen peche o ciclo da reciclaxe dos residuos, resultando á vez un instrumento de gran valor para a concienciación e a educación ambiental”.

Os participantes na proposta contarán con accións formativas que se levarán a cabo en grupos pequenos divididos por parroquias seguindo as medidas de seguridade que indican as autoridades sanitarias. Esta formación e o seguimento posterior correrá a cargo das técnicas de “Amigos da Terra”, que acompañarán aos participantes ao longo do proceso para resolver as súas dúbidas e solucionar os problemas que puideran xurdir a fin de capacitalos para que continúen por si mesmos o proceso. Para máis información ao respecto facilítase o número da encargada destes traballos María Durán de técnicas de “Amigos da Terra”: 671 86 58 39.

O prazo de inscrición continúa aberto para aqueles que desexen participar. Para facelo so é necesario ser veciño/a do Concello e ter un pequeno xardín ou terreo onde situar o composteiro e chamar ao 981 73 70 04 para anotarse ou ben contactar mediante o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..   

CompostaxeCamariñas_1_MOD.jpg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.