O Plan Único é unha partida de orzamentos que recibe cada concello e cuxa cantidade final depende do número de habitantes que teñan. Deste xeito, ao Concello de Camariñas correspóndelle un total de 321.000 euros que se destinaran a diversas obras, servizos e necesidades que se concretarán no vindeiro pleno deste venres 28 de Xaneiro.

Así, as propostas que se levaran a este pleno son as seguintes: reforzar e ampliar o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) municipal, construír dúas sendas peonís, facer fronte aos gastos correntes e reducir a débeda do Concello.

Ao SAF destinaríase un total de 49.410,55 euros para o seu reforzo co cal se pretende atender a un maior número de persoas e mellorar a calidade do servizo. Este busca, en esencia, paliar de algún modo as consecuencias da pandemia da COVID-19 na materia de saúde dentro dos sectores máis vulnerables.

En canto as sendas peonís a suma total destinada será de 120.062,63 euros. 71.662,79 irán a parar a construción de unha senda até a praia de Lingunde na localidade camariñá. A outra obra será en Camelle, concretamente na senda peonil de Rociñas-Carrofeito, que se pavimentará e delimitará e cuxo custo total será de 48.399,84.

O resto da contía económica destinarase a financiar gastos correntes e o pago de provedores (141.173 euros), reducir a débeda con entidades financeiras (10.587,98 euros) e investimentos (120.062,63 euros).

Plan Complementario 2022

Tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2022, valorado en total en 287.576,48 euros, e que se destinará a seis proxectos: o arranxo do acceso ó campo de fútbol en Camariñas; un camiño no lugar de Brañas Verdes; a mellora do pavimento no ámbito do campo da feira no Outeiro na Ponte do Porto; a pavimentación e saneamento na rúa Rozas de Arou; a pavimentación do camiño de Portocelo-Atalaia-Castelo; a reparación do pavimento na rúa Do Bico e, por último, o acondicionamento do firme de pistas no lugar de Trasteiro, Xaviña.

Outros asuntos do pleno

Por último, levarase á sesión plenaria deste venres o incremento retributivo do 2% previsto na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, para tódolos conceptos retributivos, tanto do persoal funcionario como do laboral.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.